Con motivo da choiva de meteoros das perseidas deste ano, por cuarta vez consecutiva no Parque Náutico de Castrelo organizamos a nosa «Cea con Perseidas». Asi, a partires das 21:00 horas, os asistentes poderán gozar dun menú temático especial o luns 13 de agosto, na terraza do Náutico de Castrelo, á beira do río Miño. Serán os seguintes platos:
– estoupido de supernova
– sistema planetario en tempura
– polbo cometario
– meteoros de chocolate
Cada plato servirá de excusa para ir debullando unha historia. Así, desde unha explosión de supernova, ata a chegada dos refugallos dun cometa que chamamos «bágoas de San Lourenzo» ou choiva das perseidas, comprenderemos como a evolución do cosmos nos trouxo a onde estamos agora e de onde proveñen os elementos químicos que existen na terra.
Ao rematar a cea temática, co apagado das luces do contorno do Parque Náutico de Castrelo (para o cal contamos coa colaboración do concello de Castrelo de Miño), poderemos gozar en directo dos meteoros desa noite. Tamén seguiremos aprendendo a coñecer constelacións, estrelas importantes, planetas, mitoloxía clásica asociada ás constelacións, a historia da astronomía e da navegación astronómica… Así como observació por telescopio dos planetas que esa noite están ao noso alcance: Venus, Xúpiter, Saturno e Marte.
As explicacións e as historias irán da man de X. Dosi Veiga: licenciado en física pola USC, redactor na revista AstronomíA Magazine, tradutor ao galego do Astronomical Picture Of the Day da NASA,, responsable do proxecto Ceos Galegos, organizador do evento anual AstroGalicia.
Á vista da previsión meteorolóxica actual, na que dan cuberto en todo o país para a noite do domingo que coincide co máximo das perseidas, a noite do luns convértese así na ideal para gozar do espectáculo.
A asistencia á cea é exclusivamente mediante reserva no teléfono 988 493 245. A asistencia á observación astronómica posterior é de asistencia libre.
Achegamos cartel
Para contactar con Dosi Veiga: 717 713 141.
Un saúdo e ceos despexados.